No chamado
Coto da Cruz, a 287 m sobre o nivel do mar localízase a ermida de
Nosa Señora do Rosario de Fátima, un dos primeiros templos dedicados a esta virxe en Galicia.
Trátase dunha construción de
mediados do século XX. Trátase dunha capela rectangular a dúas augas con ábsida imitando a un sinxelo románico e unha pequena sancristía encastada. A súa sobria portada contén tres portas con arco de medio punto, un óculo e é coroada por unha espadana.
A imaxe de Fátima venerada foi
tallada en Leiría (Portugal) e bendicida no famoso Santuario de Fátima portugués. Atravesou o río Miño por Salvaterra no ano 1948 e foi recibida con gran entusiasmo pola xente desta comarca quen a levou aos ombreiros ata Crecente percorrendo as parroquias deste concello. Esta capela fíxose á mantenta para a súa veneración entre 1953 e 1955 mentres a imaxe resgardábase na igrexa parroquial.
A súa festividade é o
13 de maio que se converte nunha das festas relixiosas máis importantes de Crecente.
No alto sobre unha gran roca existe unha cruz con pedestal que dá nome á lomba, a cal fai de fronteira entre as parroquias de Ribeira, Quintela e Crecente, como así o demostran dúas letras (“Q” e “R”) gravadas nesa roca e un sinal vertical de metal con ambas as iniciais. Un terceiro símbolo similar a unha “M” atópase na mesma roca.
Contan as historias que fai centos de anos neste alto con outrora vistas admirables, os aldeáns rendían culto pagán á lúa chea e crecente, o cal puido reflectirse no actual escudo de Crecente, que presenta unha lúa en fase crecente, por suposto.
Galería:
Localización: