Concello de Crecente

Patrimonio

Mosteiro de San Paio
Mosteiro nº 18 - 36429 Albeos - Crecente (Pontevedra)
Época: Finais S.X.
Estilo: Románico
Estado conservación: Ruinas
Titularidade: Privada
Na parroquia de Albeos, no lugar de "Mosteiro" consérvanse as ruínas do mosteiro mandado edificar polo bispo de Tui, Hermoigio, en recordo do martirio do seu sobriño, o neno Pelayo. A súa fundación remóntase á segunda metade do século X, sendo construído no soar dos pais do neno e cos bens que este debía herdar. Trátase de ruínas de grande importancia como testemuño da arte románica na diocese de Tui.
 
O Mosteiro de San Paio funcionará posteriormente como convento, dedicándose a San Salvador e estando habitado por monxas beneditinas que se rematarían trasladando a Santiago ao convento de San Paio de Antealtares, quedando en ruínas o de Albeos. A data da fusión e desaparición do mosteiro de San Salvador foi o ano 1504 por aprobación do Papa Julio II o 1 de Outubro a petición dos Reis Católicos, e como consecuencia do documento expedido polo Papa Alejandro VI o 26 de Marzo de 1494 para a anexión dos conventos beneditinos que de escaso persoal vivían nos mosteiros esparexidos por Galicia. Converterase nun priorado administrativo que tras a desamortización eclesiástica de Mendizábal de 1836 queda en estado ruinoso, pasando posteriormente a mans particulares.
 
É escasa a documentación que existe deste mosteiro durante a Idade Media, sendo este o momento de pleno desenvolvemento monacal. Os foros, eran a riqueza do mosteiro, sendo case o único caudal documental que non encherían este oco histórico da Idade Media. O documento máis antigo coñecido é o dunha doazón que María Núñez, monxa de Albeos, fai ao Mosteiro de San Clodio no ano 1231, un 27 de outubro.
 
A parte conservada do que debeu ser a casa-cuarto do convento, posúe unha planta cuadrangular, cunhas dimensións de 14 x 11 m. Presenta unha fachada cun arco de gran dovelaxe cuxa factura sería do século XVII. Da igrexa só quedan dúas columnas pegadas á parede da devandita casa-cuarto cos seus capiteis románicos de decoración vexetal. Entre as dúas columnas consérvase unha ventá rectangular e unha porta central de arco semicircular e doelas regulares que comunicaría a casa-cuarto coa igrexa. Na mesma fachada continúa a parede na que hai unha porta de arco semicircular con doelas resaltadas alternadamente e un tímpano sobre dous mochetas que representan dúas cabezas de carneiro. O tímpano dunha soa peza ten en relevo unha gran circunferencia cunha cruz patada central sobre a que se entrelaza formando unha rosa de catro puntos.
 
Consérvase ademais, un tímpano con decoración románica, presidido por un pantocrátor sentado e nimbado, o cal sostén un libro coa man esquerda e bendice coa dereita. Un anxo e un querubín de pé, apoiados no lintel, insírense no espazo suxeitando a mandorla que encerra o pantocrátor. O devandito tímpano apóiase sobre dous mochetas decoradas con cabezas de carneiro que á súa vez se apoian sobre xambas.
 
A igrexa era o lugar no que se ofrecía a misa parroquial ademais de ser lugar de enterramento. Tiña planta de cruz latina, cunha soa nave en cada un dos brazos e a súa cabeceira estaba composta por tres capelas semicirculares, a central destacada, albergaba o altar maior. O teitume era de madeira a dúas vertentes.
 
Hai que ter en conta que tanto a igrexa coma a casa conventual foron obxecto de despoxo continuado, exemplo diso é que entre os séculos XVII e XVIII, a igrexa parroquial de Albeos foi construída con material deste mosteiro.
 
En canto á historia do novo mártir San Paio, nacido nesta parroquia de Albeos, segundo conta a tradición no ano 911 ou 912, era sobriño do bispo de Tui, Hermoigio, que foi capturado por Abderramán III (primeiro califa de Córdoba, 922) tras a derrota do rei Ordoño II na batalla de Valdejunquera.
 
A liberdade do bispo foi cambiada por algúns reféns entre os que se encontraba o seu sobriño Pelayo, que contando con dez anos estivo en prisión tres anos e uns meses ata que finalmente foi martirizado ao negarse a converterse á relixión musulmá e por non ceder ás peticións de abuso por parte de Abderramán III, fixándose o seu martirio o 26 de xuño do ano 925.
 
Segundo algúns, o seu corpo foi mutilado e botado ao río Guadalquivir, outros din que unha catapulta o lanzou dende un patio do alcázar ata a outra beira do Guadalquivir onde case morto foi degolado. Tamén se alude a outro martirio sendo esgazada a súa carne con tenaces.
 
Os cristiáns déronlle sepultura e as súas reliquias foron trasladadas a un mosteiro beneditino de León no ano 967 que baixo a advocación a San Pelayo o fundara o rei don Sancho I. Nos días da invasión de Almanzor, concretamente no ano 996, o corpo foi trasladado ao mosteiro de San Juan Bautista de Oviedo, tamén de relixiosas beneditinas que por honra ao neno mártir pasou a chamarse de San Pelayo, e do cal se trouxo a Albeos unha reliquia.

Galería:

Localización:

Xunta de Galicia
Deputación de Pontevedra
BOE
Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra
DOG
Sede Electrónica Castastro
ORAL - Xestión Tributaria e Catastral
Portal de Transparencia
Concello de Crecente
  • Rúa Solís Ruiz, 5 - 36420 Crecente (Pontevedra)
  • Teléfono: (+34) 986 666 300
  • Email: info@crecente.es

Horario

  • De luns a vernes de 9:00 a 14:30

Parroquias

  • Albeos, Ameixeira, Angudes, Crecente, Filgueira, O Freixo, Quintela, Rebordechán, Ribeira, Sendelle e Vilar.

© 2020 Concello de Crecente - Todos os dereitos reservados // Deseño maquetación e programación web a medida Grupo5.com

Na nosa web utilízanse cookies propias e de terceiros con finalidade analítica e de márketing. Para continuar navegando é necesario aceptar a política de cookies.

Política de Cookies Aceptar